O primeiro premio da Lotaría Nacional cae en Marín

Marín
16 de maio 2026

Aínda que o 59203 vendeuse só en Marín, a maior parte das series foron devoltas. A loteira calcula que se repartiron "cinco ou seis décimos". Son 60.000 euros para cada un

Administración de lotarías número 4, en Marín
Administración de lotarías número 4, en Marín / Loterías y Apuestas del Estado

A deste sábado foi unha xornada de sorte en Marín. Alí caeu o primeiro premio da Lotaría Nacional. O número agraciado, o 59203, vendeuse só na vila.

Foi na administración de lotaría número 4, situada na rúa Jaime Janer, a coñecida como Doña Piña.

O premio para cada un dos afortunados que posúan un décimo deste 59203 será de 60.000 euros.

Aínda que esta administración dispuña de todas as series deste número, o que lles permitiu repartir 6 millóns, as súas responsables aseguran que "vendemos só unha parte".

A falta de comprobar os datos coa delegación, Carmen Gómez explicou a PontevedraViva que calculan que se repartiron "cinco ou seis décimos".

O resto das series foron devoltas ao non ser vendidas.

En todo caso, a titular desta administración, que colleu o traspaso hai apenas catro meses, sostén que "sempre é unha alegría que se vendera".

"Tiña medo de telo e non vender nada", subliña.

Por agora, descoñece quen puido comprar este número, aínda que "me imaxino que será toda xente de Marín", porque por agora non hai moitos turistas que se acheguen.

Entende que moitos deles "até o luns non se decatarán", porque entre os seus clientes hai moita xente maior "que sempre comproba os décimos na administración".

Sexa como sexa, toda unha alegría para esta administración de lotarías de Marín.