O aprazamento do RallyMix de Cuntis completa a suspensión de todo o deporte na área de Pontevedra

Umia
12 de marzo 2020

A proba automobilística tiña previsto celebrarse os días 14 e 15 de marzo pero queda posposta ata que se levante a alerta sanitaria

III RallyMix Cuntis Vila Termal
III RallyMix Cuntis Vila Termal / Concello de Cuntis

A cuarta edición do RallyMix Vila Termal de Cuntis tampouco se celebrará na data incialmente prevista. O Concello e a escudería organizadora acordaron este xoves o aprazamento da competición que estaba fixada para os días 14 e 15 de marzo. 

Desde o goberno local explican que a decisión vén motivada pola alerta sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19 e para cumprir as instrucións ditadas pola Xunta e as autoridades sanitarias. "Trátase dunha medida tomada por responsabilidade", aseguran desde o executivo cuntiense.

A proba queda aprazada ata que a situación mellore e a nova data será anunciada no menor tempo posible, indican.

Nun comunicado, tanto o Concello como a Escuadra Vila Termal "lamentan os prexuízos que este cambio sobrevido pola gravidade da alerta sanitaria poida ocasionar aos afeccionados, equipos e patrocinadores".