Aprazada definitivamente ata 2021 a cuarta edición do RallyMix de Cuntis

Umia
08 de xullo 2020

A Escudería Cuntis Vila Termal anunciou de maneira oficial a cancelación da proba automobilística, un dos primeiros eventos cancelados en marzo pola crise sanitaria pero que fora recolocado no calendario para setembro

III RallyMix Cuntis Vila Termal
III RallyMix Cuntis Vila Termal / Concello de Cuntis

Finalmente a cuarta edición do RallyMix Cuntis Vila Termal tamén sucumbiu ao coronavirus e non se celebrará en 2020, segundo anunciou este martes de maneira oficial a Escudería Cuntis Vila Termal.

A proba automobilística, fixada inicialmente para os días 14 e 15 de marzo, foi dos primeiros eventos aprazados no seu momento pola crise sanitaria do Covid-19 coincidindo co decreto do Estado de Alarma, pero a organización apostara por recolocalo no calendario coa esperanza de que puidese ter lugar.

Así, no calendario aprobado a finais de maio pola Federación Galega de Automobilismo o RallyMix Cuntis aparecía fixado para os días 11, 12 e 13 de setembro.

Con todo, pese ao esforzo da escuadra e o apoio do Concello, e tras unha reunión celebrada cos responsables do goberno local, decidiron que o mellor é pospoñer o rally de maneira definitiva renunciando a que se corra en 2020.

"A pesar de ter a inscrición máis numerosa da nosa historia, preferimos renunciar á celebración da proba neste ano 2020 para poder afrontala con total garantía en 2021", explica a organización nun comunicado.

Unha decisión "dura, pero responsable", aseguran, ao "non poder garantir as medidas de hixiene e distanciamento social, tanto de equipos como de afeccionados".

A comarca queda así sen unha proba automobilística que a pesar da súa curta traxectoria congregaba un gran número de afeccionados atraídos pola súa vistosidade. Terán que esperar para volver vivilo ao próximo ano, sempre que o coronavirus o permita".