O Rally Mix de Cuntis regresou esta fin de semana ao calendario do automobilismo para celebrar a súa cuarta edición. Unha edición especial despois do parón polo covid-19, que reuniu a 84 coches procedentes de varios lugares de Galicia e mesmo de fóra, como foi o caso da piloto italiana Christine GZ ou o catalán Nil Solans.
A competición, clasificatoria para o Campionato galego, comezou o sábado coas tres primeiras mangas, onde o piloto Javier Ramilo (Yacar Racing) foi o mellor, liderando a clasificación unha vez finalizada a xornada inaugural.
Por detrás, a máis de 25 segundos, seguiulle Abel Jurado (Yacar Racing) e, a máis de 33 segundos, Adrián Ameal (Yacar Racing). Rozando o podio estaba o pontevedrés Alexis Viéitez (Buxa Motor Poio), que non tivo o inicio esperado pero foi mellorando o seu tempo en cada manga para escalar posicións na xeral.
Xa na segunda xornada, celebrada durante a mañá do domingo 26, Ramilo seguiu na súa liña, demostrando a súa superioridade no terreo para brillar con máis de 22 segundos de vantaxe na clasificación final sobre o seu seguidor máis próximo.
No caso de Abel Jurado, foi segundo a pesar do seu cuarto posto na última proba da competición, mentres que Alexis Viéitez, que xa gañara o RallyMix de Ribadumia e a Subida a Escusa, nesta ocasión logrou un axustado terceiro posto despois de remontar durante as sesións do domingo.
Finalmente, Javier Ramilo chegou en primeira posición co seu Yacarcross, facendo un tempo de 57:17.524; Abel Jurado ocupou o segundo caixón do podio con 57:39.868 e, Alexis Viéitez foi terceiro cun crono de 57:39.961.
Consulta as clasificacións do RallyMix de Cuntis na seguinte ligazón