As subidas a Pontevedra e Marín e os Rallymix de Cuntis e Ribadumia, no precalendario 2021 do automobilismo galego

Pontevedra
28 de outubro 2020

Neste precalendario autonómico, aínda provisional e que pode sufrir cambios en función de como evolucione da situación sanitaria, non aparecen polo momento probas de gran tradición como a Subida á Escusa, en Poio

XXII Subida a Pontevedra-Almofrei
XXII Subida a Pontevedra-Almofrei

A tempada 2021 preséntase complicada para moitos deportes, e o automobilismo non é alleo a iso, ante a incerteza provocada pola pandemia que colocou a moitos organizadores na encrucillada.

No medio desta situación, a Federación Galega de Automobilismo publicou a día 26 de outubro un pre-calendario de probas para o próximo ano, en función das solicitudes remitidas polos organizadores para que sexan valoradas en asemblea e poidan solicitar as pertinentes subvenciones á Xunta de Galicia.

Trátase, salvo na modalidade de rally, dun calendario provisional aínda suxeito a cambios sobre todo en función de como evolucione a situación sanitaria.

No mesmo a comarca de Pontevedra perde de momento algunhas probas de peso, pero mantén outras citas de interese.

Unha delas, no Campionato Galego de Montaña, é a XXIII edición da Subida Cidade de Pontevedra, agora recolocada en Almofrei e que ten reservados para a súa celebración os días 17 e 18 de xullo.

Ademais neste certame mantense a Subida a Marín, coa que sería a súa segunda edición con data para a fin de semana do 15-16 de maio.

Con todo non aparecen por agora outras probas de gran tradición como a Subida á Escusa, en Poio, que este ano tivo que aprazarse como a maioría de carreiras cando ía cumpri XXI edicións. Tampouco solicitouse a inclusión doutras subidas que nos seus primeiros anos demostraran unha gran aceptación, como Ponte Caldelas ou Cerdedo-Cotobade. 

Pola súa banda na modalidade de RallyMix si aparece o IV RallyMix Cuntis Vila Termal, encargado de abrir o campionato autonómico da especialidade o 6 e 7 de marzo como segunda proba do ano no automobilismo galego, tras o Rally de Coruña (27-28 de febreiro). Nos rallys mixtos entre asfalto e terra a comarca contaría con outro evento que ademais se estrearía, co primeiro Rallymix de Ribadumia o 24 e 25 de xullo.