O Aros de León mide a reacción do Arxil

Pontevedra
03 de novembro 2017

O equipo pontevedrés, pendente do estado físico de varias das súas xogadoras, recibirá este sábado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Aros leonés, terceiro clasificado da Liga Feminina 2

Mayte Méndez, adestradora do Arxil Mónica Patxot

Despois de romper en Barcelona a súa serie de dúas derrotas consecutivas, o Club Baloncesto Arxil quere confirmar a súa recuperación ante un dos equipos chamados a pelexar pola zona nobre, o Aros de León.

O actual terceiro clasificado da Liga Feminina 2, cunha vitoria máis que as pontevedresas, visita este sábado (19:30 horas) o pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

"Teñen xogadoras de calidade nun contra un e un xogo moi rápido. Van esixirnos moito atrás e non ter perdas", asegura Mayte Méndez.

A adestradora arxilista estará pendente ata última hora de varias xogadoras que arrastran problemas físicos e que non terminan de recuperarse, como é o caso de Ana Román ou María Centeno. Ademais Chantel Charles ou Carla Fernández tamén sofren molestias derivadas do partido ante o Joventut Les Corts.

A pesar diso as pontevedresas esperan poder recuperar a regularidade no seu xogo para optar ao triunfo e ofrecer un bo encontro aos seus afeccionados.