O Arosa denuncia a súa "indefensión" polo pouco prazo para alegar ao recurso presentado polo Granada

O Salnés
14 de novembro 2023

"A excesiva documentación presentada pola parte contraria fai imposible que se poida contestar ao citado recurso coas garantías que establece a normativa aplicable", quéixase a entidade arlequinada nun comunicado

Aliñación do Granada no partido de Copa do Rei fronte ao Arosa na Lomba Granada CF

O Granada Club de Fútbol recorreu oficialmente a súa eliminación da Copa do Rei, e por tanto o pase do Arosa, segundo notificou este martes ao club arlequinado a Real Federación Española de Fútbol.

Con todo quéixase a entidade de Vilagarcía do pouco prazo outorgado para formular alegacións ao recurso, e é que a comunicación da Federación recibiuse ás 8.45 horas deste martes e pechábase a posibilidade ás 13.00 horas.

"Entendemos que o citado prazo resulta de xeito evidente insuficiente e xera unha evidente indefensión. En procedementos como o presente debe garantirse que se respecten os principios, dereitos e garantías que resultan aplicables ao dereito administrativo sancionador", argumenta o club.

Ademais quéixase de que "a excesiva documentación presentada pola parte contraria fai imposible que se poida contestar ao citado recurso coas garantías que establece a normativa aplicable".

Por todo iso avisan os da Lomba que "vémonos na obrigación de anunciar publicamente que defenderemos os dereitos e intereses da nosa entidade e de todos os seus representantes ante todas aquelas xurisdicións que se consideren competentes para os efectos de evitar situacións como a exposta".

A confirmación do recurso do Granada á aliñación indebida do seu porteiro Adri López no encontro de Copa fronte ao Arosa chega a 24 horas de que se produza o sorteo de segunda rolda da competición copeira, previsto para este mércores 15 de novembro (13.00 horas).