O Arosa inicia este luns a súa carreira polo ascenso. Os de Luisito deben superar tres eliminatorias a dobre partido se queren competir o próximo curso en Segunda Federación. A primeira parada chegará este luns a partir das 18 horas no Couto, onde o Arosa enfrontarase ao UD Ourense.
"O ambiente será terrible, é o campo que máis xente mete de longo en Terceira División", augura o adestrador do Arosa, Luisito. O técnico está convencido de que será un partido "moi emocionante e bonito de xogar" e confía tamén en que o ambiente non afecte os seus xogadores, de feito o Arosa non estará só. A afección encheu dous autobuses e moitos se desprazarán ata a capital termal nos seus vehículos privados.
No plano deportivo, Luisito desfaise en eloxios cara ao seu rival. "Estamos aquí por méritos propios, é un rival durísimo e imos ter dous partidos complicados", sostén o técnico. En cambio, ten plena confianza na capacidade dos seus xogadores. "Eles saben que tamén somos un rival dificil e ímoslle a poñer as cousas complicadas, Imos alí a buscar a vitoria", asegura.
Para regresar a Vilagarcía con vantaxe, o preparador non ten medo do que faga o rival. "Eu estou preocupado porque os meus futbolistas estean ao nivel que teñen que estar. Se facemos o que adestramos, estou súpertranquilo", sostén o adestrador que ve un Ourense "moi ben adestrado e con bos futbolistas".