O Arosa non pasa apuros para vencer ao pechacancelas Noia (3-0)

O Salnés
20 de decembro 2015

A visita do pechacancelas Noia foi un bálsamo para curar as feridas dun Arosa necesitado de recuperar a senda da vitoria, tras cinco xornadas sen gañar. Fixérono os de Piscis con goles de Alberto Cabanyes, Fran Fandiño e Eloy Fariña, para pechar o ano con máis pena que gloria, pero coa esperanza de remontar na segunda volta, ao quedar, a pesar de todo, a só cinco puntos dos postos de play-off

Partido entre Arosa e Noia na Lomba
Partido entre Arosa e Noia na Lomba / Arosa SC - Rubén Abal

A visita do pechacancelas Noia foi un bálsamo para curar as feridas dun Arosa necesitado de recuperar a senda da vitoria, tras cinco xornadas sen gañar. Fixérono os de Piscis con goles de Alberto Cabanyes, Fran Fandiño e Eloy Fariña, para pechar o ano con máis pena que gloria, pero coa esperanza de remontar na segunda volta, ao quedar, a pesar de todo, a só cinco puntos dos postos de play-off.

O Arousa volveu saír con dúas puntas. Hugo Soto no primeiro minuto de encontro estivo a piques de marcar o primeiro, pero a zaga visitante adiantouse para impedilo. Os de Noia tampouco renunciaban ao ataque e Samu avisaba cun remate afastado que se perdeu por pouco. O Noia pechouse atrás e ao Arosa custoulle ver porta. Primeiro Cabanyes cun remate desde a frontal, e minutos despois Hugo Soto cun remate de volea avisaron a Toledo.

Mediada a primeira metade chegaba o primeiro do Arousa. Cabanyes se interna na área e marca cun bo disparo coa esquerda, no que é o primeiro gol do xogador madrileño coa arlequinada.

Non tardou moito a dianteira local en fabricar unha nova xogada perigosa de gol. Hugo Soto cae a banda e pon un gran centro que Fran Fandiño, moi forzado, remata fóra.

Tras a continuación o dominio do Arousa foi a máis. Hugo Soto era o primeiro que o tentaba pero Toledo rexeitou. Ata que no minuto 62 chegaba o gol da tranquilidade. Fran Fandiño baixa un balón na área grande, marcando o segundo.

O Noia, que introduciu cambios en busca de recortar distancias, obrigaba a Jorge Pérez a facer unha gran parada para evitar o 2-1. A 20 minutos do final Cabanyes foise só cara a portería, pero en lugar de rematar cedeu o balón a Eloy que anotaba a porta baleira. O equipo aínda puido facer máis goles nun par de chegadas de Adrián Camiño e un remate ao traveseiro de Rivas, pero o marcador xa non se movería.