Comezou o ano o Arosa con mal pé, pechando unha triste e decepcionante traxectoria na primeira volta cunha dolorosa derrota en Vilalba, nun partido no que os arlequinados se viron desbordados na primeira media hora, na que encaixaron dous goles, sentenciando o Racing Villalbés ao pouco de renovarse o xogo tras o descanso.
A pesar de todo, a irregularidade mostrada polo equipo de Piscis viuse compensada polos resultados dos rivais, o que permite ao conxunto arosista seguir soñando coa remontada na segunda volta da competición, ao quedar en metade da táboa pero a só seis puntos de distancia dos postos de play-off.
Na Magdalena o Racing Villalbés adiantábase moi pronto, aos cinco minutos de xogo, cun gol do exgranate Gerardo Carrera. A superioridade local tivo o seu premio pouco despois da media hora, cando Alberto Lamas conseguía o 2-0.
De novo o minuto 5 foi fatal para o Arousa, xa que ao regreso de vestiarios (minuto 50 de partido) o Racing Villalbés practicamente sentenciaba ao conseguir Sergio Arias o terceiro gol.
Tentou reaccionar o Arousa pero só puido reducir distancias a once minutos do final, por medio de Alfonso, case sen tempo para inquietar a un Racing Villalbés que foi xusto vencedor.
Consulta aquí o acta do partido.