A fase regular no grupo galego de Terceira División chega esta fin de semana á súa última xornada co título e ascenso directo a Segunda Federación en xogo. Deportivo B e Arosa xogan a unha soa carta no Barco e en Vilalba. O que perda terá que xogarse o ascenso nun complicado playoff.
A vitoria dos de Luisito na pasada xornada e o empate do filial branquiazul comprimiu a parte alta da táboa aínda máis. Arosa e Deportivo B están empataados a 58 puntos A única vantaxe coa que contan os coruñeses é o coeficiente de goles, polo que os arlequinados terán que saír en Vilalba a gañar e esperar que o Depor B non faga o propio en Valdeorras.
Os de Vilagarcía prefiren evitar distraccións e centrarse unicamente no seu partido, no que contarán co apoio da súa afección que encheu tres autobuses para desprazarse ata a capital da Terra Chá.
O rival non o poñerá fácil, pois está metido tamén de cheo na pelexa por xogar o playoff de ascenso. Inician a xornada en cuarta posición con 43 puntos, pero por detrás axexan Ourense UD e Gran Peña, que se gañan obrigarían ao Villalbés a facer o mesmo se non quere quedar fóra da fase de ascenso.
Tampouco o Deportivo B, que se enfronta a un rival da zona baixa, terá un encontro fácil. O Barco non perde a esperanza de evitar o descenso, están a tres puntos da salvación co que están obrigados a gañar e esperar que Silva, Paiosaco e Arzúa perdan os seus partidos.
A xornada, que se disputa este domingo ás 17 horas en horario unificado, promete emocións fortes e a afección arlequinada confía en regresar, un ano despois do descenso, á Segunda Federación pola vía rápida.