Non houbo milagre na última xornada e o Arosa terá que xogarse o ascenso a Segunda Federación no playoff. Os de Luisito non fixeron os deberes e perderon o seu partido contra o Racing Vilalbés, con todo, tampouco lles valería a vitoria porque o Deportivo B gañou ao Barco para certificar o título e ascenso directo.
Dixerido xa o pau, os da Lomba están centrados na fase de ascenso, que comezará a próxima fin de semana coa disputa da primeira das tres eliminatorias que terán que superar os arlequinados para conseguir o salto de categoría.
As dúas primeiras eliminatorias dispútanse entre os equipos galegos. Deste xeito, o Arosa, segundo clasificado, enfrontarase ao UD Ourense, quinto. O cruzamento resolverase a dobre partido e os de Vilagarcía xogarán a volta como locais.
A outra eliminatoria enfronta ao Racing Vilalbés co Rápido de Bouzas. Os gañadores destas roldas enfrontaranse entre si na segunda eliminatoria. En caso de empate tras a prórroga, non haberá lanzamentos de penaltis e pasará o equipo mellor clasificado na liga regular.
No bombo da terceira e definitiva eliminatoria entrarán os 18 equipos, un de cada grupo de Terceira Federación, que superaron as eliminatorias autonómicas. A ida xogarase na cancha do equipo que saia primeiro en cada un dos emparellamentos e, a diferenza das roldas anteriores, neste caso si que haberá penaltis en caso de empate.