O Arxil, a continuar a súa xeira positiva en Vigo

Pontevedra
16 de febreiro 2017

As pontevedresas son o equipo máis en forma da competición grazas a catro vitorias consecutivas que as levaron a postos de play-off, pero para manter a súa posición de privilexio deberán superar este sábado ao Celta Zorka no derbi provincial

Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD Diego Torrado

Catro vitorias consecutivas converteron ao Club Baloncesto Arxil como o equipo máis en forma do Grupo A da Liga Feminina 2 levándoo a postos de play-off de ascenso, algo no que poucos confiaban hai un mes.

Agora as pontevedresas, coa moral a lume de biqueira, queren prolongar ao máximo o seu bo momento e para iso deberá superar este sábado ao Celta Zorka.

O derbi provincial chega en situacións diferentes para ambos os equipos, cun Celta que só gañou un encontro nas súas últimas cinco xornadas de liga.

Mayte Méndez só terá a baixa de Maria Centeno, que continúa co proceso de recuperación da súa lesión, e contará co resto do plantel dispoñible para a cita.

O partido xogarase a partir das 17:30 horas no pavillón vigués de Navia.