O Arxil apúntase ao 'crowdfunding' para completar o seu orzamento

Pontevedra
02 de agosto 2021

O club pontevedrés ponse como obxectivo recadar 10.000 euros para poder compensar o aumento de gastos previstos por desprazamentos dos seus equipos de Liga Feminina 2 e Primeira Nacional

Partido entre Arxil e Magectias no CGTD
Partido entre Arxil e Magectias no CGTD / Cristina Saiz

A repartición de grupos na Liga Feminina 2 de baloncesto, ao que se suma ao seu filial de Primeira Nacional, obrigou ao Club Baloncesto Arxil a tirar de imaxinación para cadrar o seu orzamento e poder saír a competir con garantías a próxima tempada.

Así, a entidade pontevedresa activou unha campaña de micro-mecenado ou 'crowdfunding' coa que esperan poder compensar as súas contas.

"O obxectivo é conseguir 10.000 euros porque é o custo aproximado das viaxes que temos que realizar este ano", sinala o directivo arxilista Lino Vázquez aludindo ás dúas viaxes ás Illas Canarias, o desprazamento a Melilla, os catro a Andalucía e os dous ao País Vasco que deberá afrontar o seu primeiro equipo.

"Quédannos dous meses de marxe para pechar esta campaña e se non chegamos a esa cantidade, as axudas devolveranse ás persoas que as realizaron", confirma Vázquez afirmando que "calquera cantidade é importante para sumar".

As achegas, apunta o Arxil, pódense concretar a través do correo electrónico [email protected], polas redes sociais do club ou no teléfono 627 153 849.