O Arxil asalta Fontecarmoa e imponse o Cortegada (65-69) nun derby intenso e moi disputado

Pontevedra
30 de novembro 2014

O Arxil segue brillando a unha altura excepcional neste arranque ligueiro. Suma cinco vitorias en seis partidos, a última delas lograda este sábado na difícil cancha de Fontecarmoa

Partido entre Arxil e Ensino no CGTD Diego Torrado

O Arxil segue brillando a unha altura excepcional neste arranque ligueiro. Suma cinco vitorias en seis partidos, a última delas lograda este sábado na difícil cancha de Fontecarmoa. E é que o derby pontevedrés se decantou de lado das xogadoras de Mayte Méndez, que derrotaron o Cortegada por 65-69 nun final de infarto. Un triunfo co que o Arxil se afianza na zona nobre da clasificación.

Foi un derby intenso e moi igualado o que disputaron Cortegada e Arxil, con constantes alternativas no marcador. A igualdade e o potencial ofensivo de ambos os dous equipos notáronse dende o primeiro cuarto, que finalizou cun 21-23 a favor das visitantes, que tiñan en Maimouna Diarrá e no seu xogo interior as súas grandes bazas.

Pero as de Vilagarcía tiraron de acerto exterior no segundo cuarto e grazas a dous triplos de Laura Aliaga -a xogadora máis valiosa do partido con 39 puntos de valoración- colocáronse con 44-34 no marcador. A senegalesa do Arxil botouse ao equipo ás costas tras o descanso e, escoltada por Ana Román, foi clave no parcial que lograron as pontevedresas, un 1-10 que as puxo de novo por diante (47-48), antes de que o cuarto rematase en empate a 55.

E no último cuarto, o Cortegada acusou as numerosas faltas que as súas xogadoras se viron obrigadas a facer para parar a Diarrá e o xogo interior pontevedrés. Quedou sen as súas dúas xogadoras estranxeiras, Tabara Samba e Sy demasiado pronto.

Aínda así, o partido decidiuse nos segundos finais. Unha canastra da americana Fallon Lewis poñía o Arxil por diante (65-67) a falta de 26 segundos e, na xogada seguinte, un balón perdido polas locais e unha falta intencionada posterior situaron o definitivo 65-69 no marcador.

Con esta vitoria, o Arxil é terceiro na clasificación e mantense en postos de playoff de ascenso. Suma cinco vitorias, unha menos que o Bizkaia e o Ensino de Lugo. Pola súa banda, o Cortegada cae ata a sétima posición coas súas tres vitorias. Iso si, ten un partido menos que as súas rivais.

PORTOMAR CORTEGADA (65): Sara Gómez (8), Gilabert (14), Mame Sy (13), Laura Aliaga (22), Samba (2) -cinco inicial- Marta Carregal (6), Carla Cores, Esperanza Ventoso.

CB ARXIL (69): Diarrá (23), Ana Román (9), Carla Fernández, María Lago (9), María González (7) -cinco inicial- Fallon Lewis (13), Ana Martín (5), Sandra Entenza (3).

Árbitros: Godoy Morrillo e Ríos Marcos. Eliminadas por faltas persoais Mame Sy, Laura Aliaga e Samba polo Cortegada.

Parciais: 21-23, 23-15, 11-17, 10-14.

Incidencias: Partido disputado no pavillón de Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).