O Arxil cae no terceiro parcial ante o Celta Zorka (66-52)

Pontevedra
13 de outubro 2018

A pesar de ter o marcador da súa parte no descanso e dunha notable remontada no último tempo, as pontevedresas non lograron facerse coa vitoria en Travesas

Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia do Arxil
Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia do Arxil / Diego Torrado

Comezaron bastante forte as mulleres de Mayte Méndez contra o Celta Zorka no pavillón As Travesas de Vigo. Con todo, un mal regreso dos vestiarios fixo que o Arxil non se fixese coa vitoria na segunda xornada de Liga Feminina 2. Esta derrota supón para elas a segunda da tempada.

A diferenza da pasada xornada, as pontevedresas comezaron liderando o marcador. Aínda a pesar dun primeiro cuarto moi axustado, as viguesas non conseguiron superar ás visitantes, que se mantiveron firmes nas accións defensivas e souberon chegar á canastra rival (7-9).

O segundo parcial foi máis do mesmo. A igualdade foi a tónica dos seguintes dez minutos de xogo, nos que as do Arxil lograron manter a cabeza fría e metida no encontro e, ademais, superar ás anfitrioas no resultado. Desta forma, as de Méndez íanse ao descanso cunha vantaxe de tres puntos no marcador (21-24).

Tras o paso polos vestiarios todo foi costa abaixo. O partido deu un xiro de 180 graos a favor das viguesas, que conseguiron superar con fartura ás visitantes. A defensa do Arxil comezou a coxear, permitindo que as do Celta chegasen con moita máis facilidade ao aro. É por iso, que antes do cuarto final, estas últimas gañaban por nada menos que 19 puntos (50-31). Tan só 7 conseguiron sumar as de Pontevedra no terceiro parcial, fronte aos 29 das rivais.

Por fortuna, as de Mayte espertaron ante o resultado e, do mesmo xeito que no anterior partido ante o Mataró, fixeron unha gran remontada. Volveron meterse no xogo e a superar ás viguesas, que comezaron a deixar mostra do seu cansazo.

Con todo, a pesar dos grandes esforzos do Arxil, con boas accións de ataque de Arantxa Mallou e Gala Mestres, non conseguiu volver poñerse por enriba, dicindo adeus, unha vez máis, á vitoria esta tempada (66-52).