O Arxil encara a segunda volta de liga coa necesidade de sumar vitorias

Pontevedra
16 de xaneiro 2020

As de Mayte Méndez visitan o sábado ás 18.30 horas ao Celta Zorka no pavillón de Navia coa necesidade de cortar un refacho de seis derrotas consecutivas

Partido entre Arxil e Celta no CGTD
Partido entre Arxil e Celta no CGTD / Diego Torrado

O Arxil inicia esta sábado a segunda volta de competición cun partido tan especial como vital. As de Mayte Méndez visitan o pavillón vigués de Navia para enfrontarse ao Celta Zorka coa necesidade de sumar o seu cuarto triunfo da tempada e fuxir da zona baixa da clasificación. 

O encontro servirá para, se chega o tránsfer internacional a tempo, ver debutar á última fichaxe verde, a arxentina Johanna Bruchetti, que chegou esta semana para axudar a cumprir o obxectivo inmediato de romper unha serie de seis derrotas consecutivas.

En fronte estará un duro rival que, acomodado na zona media e lonxe dos postos altos da clasificación, tampouco atravesa o seu mellor momento. Aínda así, a intensidade defensiva das celestes será unha das principais ameazas que terá que afrontar o cadro lerezano. No plano ofensivo, a capacidade anotadora de Breanna Richardson e Anne Senosiain son as máis perigosas do equipo vigués.

Desde o punto de vista do corpo técnico pontevedrés, a vitoria será para aquel conxunto que domine o rebote. Ademais, o Arxil debe estar moi atento en defensa para frear os contragolpes locais, unha das armas máis perigosas do Celta.