O Arxil esperta e suma, por fin, a súa primeira vitoria ante o ABDA avilés (82-56)

Pontevedra
25 de novembro 2018

Despois de sete xornadas de sucesivas derrotas o cadro pontevedrés sobreponse e logra gañar un partido, ademais, cun moi bo resultado

O Arxil no partido da súa primeira vitoria ante o ABDA
O Arxil no partido da súa primeira vitoria ante o ABDA / Diego Torrado

Despois dun desastroso comezo de tempada no que o Arxil acumula nada menos que sete derrotas, esta fin de semana conseguiu, por fin, sobrepoñerse e ser significativamente superior ao longo dos 40 minutos ante o ABDA de Avilés, que correu mellor sorte ata a data (3 vitorias).

Desde o inicio do partido, o cadro pontevedrés demostrou a súa superioridade na pista. Sabían que necesitaban cambiar a súa dinámica e así o fixeron. Desta forma, lograron finalizar o primeiro parcial cunha vantaxe de 9 puntos sobre as asturianas (22-13).

Durante os seguintes 10 minutos as de Mayte Méndez mantiveron o ritmo. Con todo, as visitantes conseguiron aumentalo, recortando distancia respecto ás locais, que, a pesar de todo, seguían contando coa vitoria. Así, fóronse ao descanso cunha cómoda renda (45-33).

Tras o paso polos vestiarios, máis do mesmo. As arxilistas non cederon ante as de Avilés, conseguindo estar sempre por diante no marcador. O terceiro parcial estivo un pouco máis axustado, pero, aínda así, a vitoria seguía quedándose na casa (62-47).

Cun resultado difícil de remontar para as asturianas, estas puxeron o partido en bandexa ás locais, xa que a inferioridade foi notable durante os minutos definitivos do encontro (20-9 no último parcial). A destacar as accións individuais de Mestres (18 puntos) e Cassandra Oursler (16 puntos), importantes xogadoras para o equipo pontevedrés.

Desta forma, cun resultado merecido (82-56), e ante a súa afección no CGTD, as de Méndez sumaron a súa primeira vitoria da tempada. Agora tócalles facer fronte ao próximo choque (Maristas Coruña) coas boas sensacións da súa vitoria inicial este curso.

Consulta a acta completa do Arxil-ABDA.