O Arxil ficha a ala-pívot arxentina Johanna Puchetti

Pontevedra
14 de xaneiro 2020

A xogadora compaxinará en Pontevedra a actividade deportiva cos estudos do último curso da especialidade en medicina deportiva

Johanna Puchetti, co balón, durante un partido con Obras Basket
Johanna Puchetti, co balón, durante un partido con Obras Basket / Obras Basket

O Arxil acode ao mercado co obxectivo de buscar unha xogadora que permita ás verdes endereitar o seu irregular rumbo na Liga Feminina 2. A ala-pivot arxentina de 32 anos, Johanna Bruchetti, é a elixida para reforzar o xogo interior das verdes.

A xa ex-xogadora de Obras Sanitarias, de Buenos Aires, chegará a Pontevedra para achegar, sobre todo, capacidade anotadora. A xogadora atopábase sen equipo despois de concluír o seu contrato co equipo arxentino, no que pechou a tempada como unha das máximas anotadoras. 

A nova incorporación compaxinará en Pontevedra a actividade deportiva coa académica. É licenciada en medicina e actualmente está a cursar o último curso da súa especialización en medicina deportiva.

Con ofertas para continuar no seu país natal e tamén de Brasil e España, a interior decidiu iniciar a súa segunda etapa en España, despois dun breve paso por Badaxoz, co obxectivo de axudar ao Arxil a endereitar o rumbo e, no plano persoal, buscar un oco na selección de Arxentina.