O Arxil gaña o Trofeo Cidade de Pontevedra ante o Carmelitas de Ourense

Pontevedra
04 de xaneiro 2020

O Club Baloncesto Arxil volveu á cancha do CGTD para disputar as 'vodas de prata' do Trofeo Cidade de Pontevedra frente ao Carmelitas de Ourense, equipo de Primeira Nacional, que nada puido facer fronte ás de Liga 2, moi superiores durante todo o encontro

Imaxes da XXV edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de baloncesto
Imaxes da XXV edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de baloncesto /

Tras as vacacións de Nadal, o Club Baloncesto Arxil volveu á cancha do CGTD para disputar, este sábado, as 'vodas de prata' do Trofeo Cidade de Pontevedra. O seu rival foi o Carmelitas de Ourense, equipo de Primeira Nacional, que nada puido facer fronte ás de Liga 2, moi superiores durante todo o encontro.

O partido comezou coas de Mayte Méndez moi metidas no partido realizando unha defensa impenetrable que deixaba practicamente sen opcións ás de Ourense. Aos dous minutos de partido, o adestrador visitante xa pedía tempo morto ante a pouca efectividade das súas. Ás verdes saíanlles as cousas e endosaban un parcial de 22-2 co que se chegaba ao final do primeiro cuarto. 

Empezaba o segundo e Rosendal inaugurábao cun tiro desde a liña de tres, que automaticamente era respondido con dous triplos por parte das de branco, que realizaban o seu mellor cuarto cun parcial de 13-10. para chegar ao descanso cun resultado de 35-12.

Despois do intermedio, o Arxil regresaba á cancha para sentenciar. Lideradas por unhas maxistrales María Lago (17 puntos) e Forster (máxima anotadora do partido con 18 puntos), que practicamente facían o que querían tanto en defensa como en ataque, as de Pontevedra tan só cedían 6 puntos ao Carmelitas, chegando ao final do terceiro cuarto cun contundente 61-18.

Xa nos últimos 10 minutos, as de Mayte Méndez baixaron a intensidade, oportunidade que aproveitaron as de Ourense para reducir a diferenza no marcador que finalmente quedou pechado nun 75-32.

A próxima semana, o Arxil desprazarase a Madrid para disputar o último partido da primeira volta no que se enfrontará ao Leganés.