O Arxil, pendente da chegada de Yanique Gordon

Pontevedra
08 de setembro 2015

A xamaicana aínda non se incorporou ao equipo e perderase o primeiro partido de pretempada, o próximo sábado en Vilagarcía no inicio da Copa Galicia

Adestramento do Arxil no CGTD Mónica Patxot

Unha semana despois de iniciar a pretempada, o Club Baloncesto Arxil segue á espera da chegada da súa fichaxe estrela, a xamaicana Yanique Gordon.

A xogadora, que procede da Universidade Central Florida da liga universitaria estadounidense (NCAA), debería incoporarse á dinámica de grupo nos próximos días, segundo as previsións do club pontevedrés, pero polo momento causará baixa no primeiro compromiso de preparación, o sábado en Vilagarcía.

O equipo verde estrearase no pavillón de Fontecarmoa (17:00 horas) en partido correspondente á Copa Galicia..

Xunto á ausencia de Gordon, Mayte Méndez tampouco poderá contar con Sandra Entenza por motivos familiares e posiblemente con Ana Román, o que minguará a capacidade competitiva do equipo.

Tras o choque de Vilagarcía, o Arxil xogará o mércores 16 en Navia ante o Celta de Vigo (20:30 horas) e o venres 18 (20:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Ensino lugués, ambos os dous compromisos correspondentes á Copa Galicia.

A maiores o club pontevedrés traballa en pechar un amigable a última fin de semana de setembro, que sería o último test antes do inicio da Liga Feminina 2.