Despois de parón do pasado fin de semana o Club Baloncesto Arxil retoma a competición co obxectivo de manterse nos postos de privilexio da Liga Feminina 2.
Para iso as verdes deberán superar ao último clasificado, o Pabellón Ourense, no choque que se disputará este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (19:30 horas).
Mayte Méndez quere evitar un exceso de confianza das súas xogadoras ante un rival que dende o club, malia todo, consideran perigoso e cun quinteto inicial "moi potente".
O Pabellón, que ten un partido menos polo aprazamento do seu duelo ante o Cortegada, aínda non estreou a súa cuadrícula de vitorias na competición, pero puxo en moitos apuros equipos como o Celta ou Universidad de Valladolid.