O Arxil sobrevive a unha tempada convulsa e xa pensa no próximo curso

Pontevedra
18 de abril 2018

A retirada de Ana Martín e a marcha de Ana Román obrigarán o club verde a buscar substitucións de garantías para lograr un bloque competitivo para a próxima tempada

Partido entre Arxil e Universidad de Oviedo no CGTD
Partido entre Arxil e Universidad de Oviedo no CGTD / Diego Torrado

Apuntaba alto o Club Baloncesto Arxil a principio de tempada, pero esta campaña non foron poucas as pedras no camiño do conxunto verde, que se tivo que conformar con pechar a competición na Liga Feminina 2 na novena posición.

A pesar dos problemas xa desde verán co atraso na incorporación de Narlyn Mosquera, xogadora chamada a marcar as diferenzas, o equipo pontevedrés iniciou a liga con dous triunfos consecutivos. Foi un espellismo e os problemas foron crecendo ata afastarlles duns postos de honra aos que por plantel e planificación aspiraba a directiva.

O de Narlyn foi un caso aparte, xa que a colombiana deu a espantada aproveitando unha convocatoria coa súa selección deixando collo ao equipo. Xornadas despois terminouse recorrendo á serbia Jelena Budimir, pero o nivel resentiuse.

Outro aspecto que marcou a diferenza foron as lesións, con María Centeno abandonando a práctica deportiva para recuperarse ben dos seus problemas, e afectando a xogadoras como Ana Román (perdeuse 7 encontros) ou Ana Martín (4 xornadas de baixa).

Con todo desde o Arxil, asumindo erros, sacan desta situación conclusións positivas con "xogadoras que deron un paso adiante e consolidáronse na Liga Feminina 2", recoñece Lino Vázquez.

Tamén afectaron as obras na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva que modificaron a rutina de adestramentos do primeiro plantel.

"As circunstancias non nos deixaron estar máis arriba na clasificación", reitera o directivo arxilista, que xa pensa na planificación do próximo curso, no que deberán buscar substitución para dous pesos pesados como Ana Martín e Ana Román, que abandonan o equipo. Por iso "se somos capaces de que o groso do plantel continúe dariamos un paso moi importante para conseguir un persoal competitivo" concluíu Vázquez.