O Arxil solicita formalmente organizar a fase de ascenso á Liga Feminina

Pontevedra
26 de marzo 2015

O club pontevedrés aínda pelexa por asegurar a súa presenza entre os catro equipos que se xogarán o ascenso. Esta xornada as verdes afrontarán un importante partido ante o líder, o GDKO Bizkaia

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD Diego Torrado

Aínda que a falta de tres xornadas non ten asegurada a súa presenza no play-off de ascenso á Liga Feminina, o Club Baloncesto Arxil traballa xa na posibilidade de ser o anfitrión da fase.

O club verde solicitou formalmente á Federación Española de Baloncesto organizar o play-off, aínda que non foi o único, pois Ensino e Bizkaia mostraron tamén o seu interese.

Precisamente o GDKO Bizkaia, líder do Grupo A da Liga Feminina 2, é o próximo rival do Arxil nun partido que pode ser decisivo para as aspiracións das pontevedresas.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá o choque o sábado ás 19:30 horas. Tras ese partido faltarán o desprazamento a Avilés e o partido ante o Universidad de Oviedo, dous equipos da zona baixa da clasificación.

Se logra rematar a liga regular entre os catro primeiros o Arxil afrontará un play-off en formato de liguiña que reunirá os oito mellores equipos da Liga Feminina 2, catro de cada grupo, en busca das dúas prazas que outorgan o dereito de ascenso.