Con mellor saúde que nunca. Así encara a nova tempada o Club Baloncesto Arxil, na que contará con equipos en todas e cada unha das categorías de idade.
De feito o club pontevedrés crece ata tocar de novo o seu teito histórico, o logrado por priera vez en 2015 ao contar con ata 18 equipos federados.
En concreto, ademais do primeiro equipo absoluto de Liga Feminina 2 e o filial de Primeira Nacional, o Arxil sairá a competir esta tempada cun equipo júnior, catro cadetes, dous infantís, un preinfantil, tres equipos de minibasket e catro conxuntos de preminibasket, ademais de contar cunha escola 'babybasket'.
Unhas cifras que supoñen unha satisfacción para a entidade pero coa que non se contentan, e é que "estamos orgullosos da nosa canteira, pero debemos de traballar mellor e dar un salto de calidade na formación das nosas xogadoras", defendeu o coordinador do Arxil, Lino Vázquez.