O Club Baloncesto Arxil empeza a mirar cara arriba na Liga Feminina 2 superado un duro inicio de competición.
O conxunto pontevedrés sumou este sábado o seu segundo triunfo consecutivo superando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o Ponce Valladolid (68-60) e empata no cuarto posto da clasificación.
Non era un compromiso sinxelo para as de Mayte Méndez, pois o seu rival chegaba á cita encadeando tres vitorias seguidas, pero as verdes tomaron desde o inicio a iniciativa nun solvente primeiro cuarto.
Con Forster pechando o rebote (sumou 6 no primeiro cuarto) e un xogo ofensivo moi repatido o Arxil foise aos dez de distancia no primeiro parcial (22-12).
O marcador mantívose nun igualado segundo cuarto, para chegar ao descanso cun cómodo 41-31.
O duelo estaba onde querían as locais, pero o Ponce Valladolid reaccionou tras o descanso para empatar a contenda (52-52) baixo a batuta da dominicana Yohana Morton (19 puntos) cun Arxil que se sostiña coa achega ofensiva de Nerea Liste pero ao que lle estaba constando ver aro con facilidade.
Así se chegou aos dez e decisivos últimos minutos, onde as pontevedresas recuperaron sensacións para evitar a remontada. Glomazic e Forster anotaron nos primeiros instantes para tomar de novo vantaxe e xa non soltala ata o final cunha férrea defensa.
Consulta aquí a acta do partido entre CB Arxil e Ponce Valladolid.