O Arxil 'traslada' a súa pretempada ao Lago de Castiñeiras

Pontevedra
14 de setembro 2020

O preparador físico do equipo de Liga Feminina 2, Magín Méndez, planificou durante a fin de semana sesións de traballo físico no parque natural

Adestramento do Arxil no Lago de Castiñeiras Club Baloncesto Arxil

Facer grupo entre as xogadoras e tamén adaptarse ás restricións do Covid son as razóns que empuxaron ao Club Baloncesto Arxil a deixar de lado, polo menos por un par de días, a cancha de xogo.

O conxunto pontevedrés da Liga Feminina 2 completou a súa segunda semana de traballo cunha fin de semana de adestramentos nun espazo privilexiado como o Lago de Castiñeiras.

O preparador físico do equipo, Magín Méndez, planificou para esta particular excursión unhas sesións de traballo físico.

No plano estritamente deportivo o Arxil segue á espera de que a Federación Galega de Baloncesto de luz verde á Copa Galicia, o que supoñería xogar o sábado 19 de setembro fronte ao Celta en Vigo e o mércores 23 fronte ao Cortegada de Vilagarcía.

A actualidade do Arxil complétase coa decisión do club de iniciar a pretempada do resto dos seus equipos, que aínda permanecían parados, é dicir, desde os  premini ata os conxuntos de categoría cadete. Para iso, seguindo os protocolos establecidos, os grupos de traballo serán de 9 xogadoras e un adestrador, en sesións que levarán a cabo nas pistas exteriores do colexio Manuel Vidal Portela.