O ascenso do Arxil pasa por Lugo

Pontevedra
14 de abril 2015

A Federación Española de Baloncesto confirma que a cidade galega acollerá finalmente a fase de ascenso entre os días 23 e 26 de abril. Os madrileños CREF e Plenilunio Distrito Olímpico e o anfitrión, Ensino, rivais das pontevedresas na primeira fase

As xogadoras do Arxil agradecen o apoio da súa afección tras vencer a Universidad de Oviedo Diego Torrado

Lugo acollerá finalmente a fase de ascenso á Liga Feminina, á que se clasificou por cuarta vez na súa historia o Club Baloncesto Arxil tras derrotar na última xornada da competición regular o Universidad de Oviedo.

O conxunto pontevedrés aspiraba a organizar o play-off, pero finalmente a Federación Española confirmou o Pazo Provincial dos Deportes de Lugo como sede dunha fase final que se celebrará entre o xoves 23 e o domingo 26 de abril.

Os oito mellores equipos da Liga Feminina 2 repartiranse en dous grupos de catro enfrontándose nunha liguiña.

Segundo o establecido a principio de tempada nas bases de competición, as verdes deberá xogar ante o campión e o cuarto clasificado do Grupo B, os madrileños CREF e Plenilunio Distrito Olímpico, e o segundo do grupo A e ademais anfitrión, o Ensino.

No outro grupo quedaron encadrados Bizkaia, Aros León, Fundal Alcobendas e Grupo EM Leganés.

Os dous primeiros de cada grupo xogaranse as súas opcións cruzándose en senllas finais que decidirán o ascenso.