O Badajoz pronúnciase sobre o suposto intento de compra ao Pontevedra: "Reprobamos as acusacións á nosa institución"

Pontevedra
26 de xaneiro 2024

Tres días despois de que saltase á luz a investigación por un suposto tento de compra do Badajoz-Pontevedra da pasada campaña en Primeira RFEF, o club pacense pronunciouse ao fin sobre o caso defendendo ter realizado "unha investigación interna profunda a todos os niveis sen atopar evidencia algunha"

Comunicado oficial do Badajoz CD Badajoz

Tres días tardou o Club Deportivo Badajoz en pronunciarse publicamente tras saltar á luz o presunto intento de compra do partido que enfrontou á entidade pacense co Pontevedra Club de Fútbol na penúltima xornada da pasada tempada en Primeira RFEF.

A investigación aberta sinalaba cara a dous integrantes da entidade estremeña por ter supostamente contactado cos futbolistas granates David Soto e Pablo Cacharrón coa intención de arranxar o resultado do encontro.

No seu comunicado oficial, o Badajoz recoñece ter constancia da investigación xudicial "xa que fomos notificados", avanzando que no momento no que se tivo coñecemento da mesma iniciouse unha investigación interna paralela e "profunda a todos os niveis sen atopar evidencia algunha".

Por iso desde o club pacense "reprobamos as acusacións á nosa institución e apoiamos incondicionalmente aos nosos empregados e equipo", sinala o texto.

Por último o Badajoz asegura estar "ao dispor da xustiza para esclarecer calquera feito" e solicita "respectar os procesos xudiciais e non acelerar conclusións na opinión pública xa que estamos certos que a resolución final aclarará toda a situación".