Case un ano despois de que a pandemia fixese a súa irrupción paralizando toda actividade deportiva, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra está en disposición de volver á normalidade na súa actividade diaria.
O conxunto pontevedrés arrastra desde entón problemas de falta de dispoñibilidade de instalacións para adestrar, mesmo para o seu equipo sénior que compite na División de Honra, e só os bolseiros no Centro Galego de Tecnificación Deportiva mantiñan as súas sesións de preparación sen sobresaltos.
"Non podemos estar en igualdade de condicións nin na liga nin nas competicións individuais que están por vir, tanto a nivel sénior como de categorías inferiores", sinalaba recentemente o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.
"Vimos de facer varias tempadas moi boas a pesar deste enorme hándicap, pero desde marzo do 2020 non temos nin unha soa hora dispoñible de instalacións", relataba.
Agora o club puxo por fin remedio a iso chegando a un acordo co Colexio San Narciso de Marín, que lles cederá as súas instalacións tres días á semana.
Grazas a iso, o Bádminton Ravachol Pontevedra ten previsto retomar os adestramentos non só do seu equipo sénior, senón tamén dos diferentes grupos de iniciación e tecnificación.