Trascendental vitoria do Ravachol para saltar dos postos de descenso

Pontevedra
15 de marzo 2021

O equipo pontevedrés segue vivo na loita pola permanencia na máxima categoría do bádminton nacional

Xogadores do Club Bádminton Ravachol Pontevedra
Xogadores do Club Bádminton Ravachol Pontevedra

A vitoria do Ravachol na oitava xornada de liga serviulle ao equipo pontevedrés para abandonar os postos de descenso na máxima categoría do bádminton nacional. O cadro lerezano bateu por 5 a 2 a un rival directo na loita pola permanencia como o San Fernando de Valencia.

Os locais iniciaron o enfrontamento con triunfo no dobres mixto grazas a unha gran exhibición de Javier Sänchez e Elena Fernández, que venceron en dous sets (21-13 e 21-10). No dobres masculino Sánchez fixo equipo con Manuel Brea para gañar tamén pola vía rápida (21-14 e 21-18). Tamén o dobre feminino, aínda que máis disputado, acabou con vitoria para a dupla formada por Ania Setién e Elena Fernández (22-20 e 21-19).

Xa nos duelos individuais, Ania Setién demostrou se excelente estado de forma cun contundente triunfo en dúas mangas (21-11 e 21-10). O mesmo fixo Brea, que tivo que empregarse a fondo para repoñerse a un marcador adverso e conseguir o quinto tanto para os seus (21-17 e 21-14).

Coa vitoria asegurada, Ana Carbón cedeu o primeiro punto fronte a Silvia Ferrandis (18-21 e 16-21) e Gabriel Fernández, que forzou o terceiro set, tampouco puido gañar o último partido da xornada (17-21, 21-18 e 11-21).

"Esta vitoria é importantísima, porque vencemos a un rival directo e porque por primeira vez na tempada saímos de postos de descenso directo. A moral do equipo está moi alta e con máis ganas que nunca de pelexar pola permanencia", declarou Brea ao finalizar o enfrontamento.