O Bádminton Ravachol refórzase coa fichaxe da asturiana Elena Fernández

Pontevedra
07 de xaneiro 2021

Especialista na modalidade de dobres e internacional por España, a xogadora chega a Pontevedra procedente do CB Oviedo para reforzar as posibilidades do Ravachol de conseguir a permanencia na máxima categoría

Elena Fernández (dereita) nos Xogos do Mediterráneo 2018
Elena Fernández (dereita) nos Xogos do Mediterráneo 2018 / Comité Olímpico Español

Ao límite do peche do mercado de fichaxes o Club Bádminton Ravachol fíxose cos servizos dunha nova xogadora co obxectivo de reforzar as súas posibilidades de permanencia na máxima categoría nacional.

O conxunto pontevedrés, tras a chegada do andaluz Javier Sánchez, confirmou agora a fichaxe de Elena Fernández, asturiana de 28 anos procedente do CB Oviedo.

Especialista en dobres, Fernández é internacional por España disputando torneos como os Xogos do Mediterráneo ou o Campionato de Europa no que conseguiu o bronce en 2018 xunto a Carolina Marín.

"A fichaxe de Elena foi un auténtico agasallo do Nadal. A situación do equipo, especialmente na parte feminina, é delicada, non tanto polo nivel senón porque estamos a ter problemas para poder contar con todo o plantel por un motivo ou outro, e veremos como quedan os desprazamentos dos nosos internacionais ingleses co Brexit, así que esta fichaxe dá un pouco de tranquilidade á hora de facer as convocatorias e moita forza nas aliñacións", analiza o director deportivo e adestrador do Ravachol, Jesús Pereiro.

Coa súa chegada o Bádminton Pontevedra eleva o nivel nun dos seus puntos débiles no que vai de tempada na División de Honra, xa que xunto a Javier Sánchez ofrecerá unha maior competitividade nas modalidades de dobres.

Tras o parón do Nadal o próximo compromiso de liga para os pontevedreses será o 16 de xaneiro coa visita do CB Rinconada, cita na que presumiblemente poderán debutar as dúas incorporacións invernais.