O Bádminton Ravachol xogarase en Eivissa a súa permanencia na máxima categoría

Pontevedra
14 de marzo 2022

O club pontevedrés pechou a fase regular da liga en División de Honra cunha derrota na casa fronte ao Arjonilla, e xa mira cara ao play-out no que se xogará a súa continuidade na elite

Equipo do Bádminton Ravachol na última xornada da fase regular Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Xa hai rival para a eliminatoria pola permanencia que definirá o futuro do Club Bádminton Ravachol Pontevedra na División de Honra.

O club pontevedrés pechou a fin de semana a fase regular da competición cunha  intrascedente derrota na casa fronte ao Arjonilla (3-4), ao non ter posibilidade de abandonar o último posto do seu grupo, e xa mira cara ao play-out que se disputará o 26 ou 27 de marzo.

O seu destino será Eivissa, despois que o UD Ibiza-Pitius cedese na última xornada contra o CB Granada caendo ao cuarto posto do Grupo B.

Será unha eliminatoria a todo ou nada na que o Ravachol espera recuperar a xogadores importantes que perderon as últimas xornadas por lesión.

No que respecta ao duelo que pechaba a primeira fase ante o Arjonilla, os pontevedreses presentaron unha formación case na súa totalidade galega con Lucía Rodríguez, Manuel Brea, Jacobo Fernández e Ana Carbón, coa excepción de Ania Setién e nun equipo que completaba o canteirán Xosé Manuel García debutando con 17 anos na máxima categoría.