O Barcelona, un rival "intratable" para un Teucro que terá a vista posta no Cangas

Pontevedra
09 de maio 2019

Un Teucro coa auga ao pescozo recibe este venres no Municipal ao peor rival posible para tratar de sumar puntos. Chega a Pontevedra o Barcelona, un equipo que na liga Asobal sempre está, segundo recoñece Luís Montes, a un nivel "intratable". Dos últimos 190 partidos só perdeu un

Adestramento do Teucro no Municipal Mónica Patxot

Un Teucro coa auga ao pescozo recibe este venres no Municipal (19.00 horas) ao peor rival posible para tratar de sumar puntos. Chega a Pontevedra o Barcelona, un equipo que na liga Asobal sempre está, segundo recoñece Luís Montes, a un nivel "intratable". Dos últimos 190 partidos só perdeu un, lembrou o técnico pontevedrés.

"É un rival que a día de hoxe está lonxe do noso alcance", asegurou Montes, que avanzou que os teucristas tratarán de "competir o máximo tempo posible" e que todos os xogadores "acaben ben fisicamente".

Farano, iso si, coa vista posta en Granollers. Unha vitoria do Cangas en Cataluña supoñería o descenso matemático dos pontevedreses, polo que Luís Montes confía nunha derrota dos seus paisanos para, a próxima semana, "chegar vivos ao Gatañal" e tratar de lograr unha vitoria que deixaría todo para a última xornada.

Os xogadores do Teucro, tras a "decepción" do sábado en Valladolid onde "non estivemos ao noso nivel", están "recuperados" segundo o seu adestrador. Se non hai contratempos, engadiu Montes, os pontevedreses contarán co "equipo habitual" das últimas semanas.

"Se somos capaces de estar no partido competindo, perfecto, e se nos vemos superados polo nivel que teñen seguiremos coa nosa preparación para estar ao máximo nivel a partir da semana que vén", engadiu o técnico teucrista.

Na rolda de prensa, o xogador Guillermo Fischer sinalou que ante o Barcelona "debemos ir, aplicar nuestro sistema de juego, hacerlo lo mejor posible y dar la batalla hasta el final", plantexando o encontro da mellor maneira posible.

A partir de aí, dixo, o plantel "aún tiene esperanzas" de lograr a permanencia aínda que recoñece que é unha tarefa complicada porque "no dependemos solo de nosotros".