O Campionato de Galicia de Probas Combinadas, reto na casa para a Gimnástica

Pontevedra
14 de abril 2016

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acolle unha competición na que o equipo masculino da Gimnástica defende o título logrado en 2015

Equipo da Gimnástica no Campionato Galego de Probas Combinadas 2015 Sociedad Gimnástica

A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra será escenario esta fin de semana, os días 16 e 17 de abril, do Campionato de Galicia de Probas Combinadas, cita á que acode con obxectivos ambiciosos a Sociedad Gimnástica.

O club pontevedrés buscará na casa revalidar o título logrado en 2015 polo equipo masculino e polo menos repetir o segundo lugar do equipo feminino.

Santi Ferrer, Pablo Tojal, Marco Martínez, Hugo Álvarez e Yago Boleas compoñerán o equipo masculino da Gimnástica e Andrea Villaverde, María Touriño, Clara Rivas, María Jiménez, Alesandra Campo e Marta Burés o feminino.

Para a clasificación contarán as tres mellores puntuacións de cada club na combinada, sendo ademais unha boa ocasión para buscar a mínima para o próximo Campionato de España.

A competición arrincará ás 16:45 horas do sábado e terá continuación durante toda a mañá do domingo, desde as 9:50 horas.