O central Víctor Mongil e o porteiro Anxo Pérez, novos xogadores do Pontevedra

Pontevedra
14 de xuño 2017

O club granate confirmou este mércores a fichaxe de dous novos futbolistas, polo que o plantel xa ten confirmados a 12 xogadores para a próxima campaña. Na liña dos anteriores reforzos, asinan por unha tempada

Foto oficial de Víctor Mongil no Mérida
Foto oficial de Víctor Mongil no Mérida

O Pontevedra Club de Fútbol propúxose deixar perfilado canto antes o plantel da próxima tempada, e este mércores confirmou dúas novas fichaxes.

Trátase do defensa central Víctor Mongil e do novo gardameta coruñés Anxo Pérez, que ocupará unha das fichas sub-23 do equipo.

Mongil chega a Pontevedra procedente do Mérida, quinto clasificado na última luga no Grupo IV de Segunda B, co que disputou 21 partidos de liga, 18 deles como titular. Con 24 anos, formouse no Real Valladolid antes de xogar na súa filial e pasar despois polo segundo equipo do Atlético de Madrid. Tamén defendeu unha tempada as cores do Alcoyano antes de recalar no Mérida.

Aínda que a súa posición habitual é a de central, pode actuar tamén no lateral destro da defensa.

A segunda das fichaxes é o de Anxo Pérez, porteiro natural de Negreira que con 21 anos, tras formarse na canteira do Deportivo, afronta a súa primeira experiencia na Segunda División B e tratará de competir polo posto con Edu Sousa, renovado recentemente.

Con estas dúas novas incorporacións o número de futbolistas confirmados para a próxima tempada ascende a 12, que son os porteiros Edu Sousa e Anxo, os defensas David Castro e Víctor Mongil, os centrocampistas Adrián León, Álex Fernández, Kevin Presa, Álex González, Mouriño e Marcos Álvarez e os atacantes David Añón e Jon Etxániz.