O CGTD pon en marcha o novo curso escolar coa chegada de todos os deportistas de tecnificación e rendemento

Pontevedra
25 de setembro 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañou aos menores de cuarto da ESO este venres na súa chegada á instalación pontevedresa, á que xa se foron incorporando nos días previos os deportistas doutros cursos para evitar aglomeracións

O secretario xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete Lasa, supervisa o inicio do curso escolar no CGTD
O secretario xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete Lasa, supervisa o inicio do curso escolar no CGTD / Secretaría Xeral para o Deporte

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou este venres as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para supervisar o inicio da tempada e acompañar aos novos deportistas nos seus primeiros días no centro. "Sodes a esperanza dunha xeración marcada polos desafíos e as dificultades, sodes os novos baluartes dunha sociedade que loita contra unha pandemia nunca antes vista, pero sodes tamén o vivo reflexo dos valores do deporte, do esforzo, do sacrificio, da constancia e da resiliencia”, díxolles o mandatario aos mozos e mozas recén chegados.

O inicio do curso no CGTD está a levarse a cabo de forma gradual para evitar aglomeracións. O mércores tivo lugar a presentación dos alumnos de bacharelato, o xoves, a de terceiro da ESO e segundo de bacharelato; e esta mañá foi a quenda dos de cuarto da ESO. "O escrupuloso comprimento por parte dos deportistas dos protocolos de actuación para evitar as situacións de contaxio da Covid-19", foi outro dos aspectos que quixo destacar o secretario neste inicio de curso, no que os recentemente chegados realizáronse test serolóxicos, que se irán repetindo cunha periodicidade de 15 días.

O CGTD terá nesta tempada un total de 168 prazas concedidas: 105 de tecnificación e 63 de rendemento, o que supón un 5 % máis de prazas con respecto ao ano anterior. As doce modalidades que contan con prazas no CGTD para a nova campaña son atletismo (marcha e lanzamentos), bádminton. ximnasia acrobática (trampolín e artística), judo, karate, loita, natación, piragüismo (augas bravas – slálom e augas tranquilas), remo, taekwondo, tríatlon e vela.