O ciclista do Froiz Alejandro Regueiro, citado pola Selección Española

Pontevedra
03 de maio 2017

A pesar de que no deportivo, especialmente na Copa de España, non está a ser a tempada esperada polo Froiz, o equipo pontevedrés recibiu nas últimas semanas boas novas coa convocatoria dos seus ciclistas para competir co equipo nacional

Alejandro Regueiro, na concentración de pretempada do Froiz 2017 Mónica Patxot

Non está a ser a tempada que esperaba o Grupo Deportivo Supermercados Froiz cando no principio do ano fixaba a Copa de España Elite e Sub-23 como un dos seus principais obxectivos, pero nas últimas semanas o equipo pontevedrés está a recibir boas novas en forma de convocatoria dos seus ciclistas para competir co Equipo Nacional.

Se primeiro foi Martín Bouzas o citado polo seleccionador español elite e sub-23, Pascual Momparler, para participar na Vuelta a Asturias, agora tocoulle a quenda ao tamén galego Alejandro Regueiro, o que demostra a progresión que están a levar a cabo ambos os ciclistas do Froiz.

Regueiro tomará parte do 5 ao 7 de maio na Vuelta a Madrid, rolda por etapas na que poderá medir as súas forzas con corredores profesionais de equipos como o Movistar, Caja Rural ou o W52-FC Porto portugués, entre outros.

A Selección Española nesta carreira completarana Sergio Vega (Unieuro Trevigiani), Biel Pons (Escribano Sport Team), Urko Berrade (Lizarte), Bernat Font (GSport Valencia), Txomin Juaristi (Cafés Baqué-BH), Eusebio Pascual (Mutua Levante) e Juanjo Lobato (Lotto NL Jumbo), vencedor hai un ano cando corría coas cores do Movistar.

Precisamente Alejandro Regueiro foi o mellor clasificado do equipo na última cita da Copa de España, a Santikutz Klasika disputada a pasada fin de semana no País Vasco, ao entrar no posto 33 en meta a 59 segundos do vencedor e novo líder da xeral, Sergio Samitier (Lizarte). Na xeral da Copa o ciclista do Froiz mellor situado segue sendo Martín Lestido, no posto 22.

O vindeiro domingo 7 de maio o equipo pontevedrés estará presente na penúltima proba puntuable desta competición, a Clásica Xavi Tondo que se celebra na localidade catalá de Valls.