Superada a fase máis esixente da competición ligueira, e tras unha semana de descanso, o Cisne volve á actividade na División de Honra Prata recibindo ao Covadonga este sábado (18:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
"Son un poco el equipo tapado", sinala Jabato, e é que para o técnico cineísta o potencial do conxunto asturiano, con xogadores moi experimentados como Jorge Martínez ou Prendes, permítelle aspirar á zona nobre da táboa.
Jabato aproveitou a semana sen partido para subir a intensidade dos adestramentos co obxectivo de "llegar en mejores condiciones al final de la primera vuelta".
O equipo pontevedrés quere recobrar impulso na táboa e para iso debe manter a súa fortaleza como local, aínda que "nosotros sabemos que tenemos que estar a un nivel alto si queremos ganarle a cualquier equipo", sinalou o preparador.
A única baixa no Cisne é a de Andrés Sánchez, que tras o derbi pontevedrés retomou a súa bolsa de estudos no estranxeiro.
O partido será arbitrado por Muñoz Díaz e Posada González, do colexio territorial madrileño.