O Dicsa Modular Cisne tentou plantar cara ao Logroño no encontro deste sábado disputado no Pavillón Municipal. A intensidade do equipo pontevedrés durou ata pasado o descanso, momento no que o partido pasou a ser un mero trámite para ambos os conxuntos e os técnicos decidiron repartir minutos entre os seus xogadores.
Empezou o partido con imprecisións para Cisne e Logroño, que fallaron senllos primeiros ataques. Anotaron os visitantes pasados os dous minutos e puido igualar Javi Vázquez desde os sete metros, pero o seu lanzamento estrelouse no traveseiro.
Cando os rioxanos puxéronse cun parcial de inicio de 0-2, apareceu Gonzalo Carró para anotar a primeira diana branca do partido, dando paso aos mellores minutos en tarefa defensiva dun Cisne que non só igualaba, senón que se poñía por diante cun lanzamento de Villamarín desde a súa propia portería (min. 10, 4-3). Acto seguido, o gardameta cisneísta reaparecía e Carlos Pombo daba a volta ao marcador para dar ao equipo branco unha pequena vantaxe de dous goles (5-3).
Alcanzábase o ecuador do primeiro acto e Logroño igualaba grazas a un Rangel que se converteu nun muro baixo paus con oito paradas, tres delas desde os sete metros (6-6).
A seca goleadora do Cisne acabou pasados os sete minutos, momento no que o técnico visitante parou o cronómetro para aproveitar o últimos dez minutos que quedaban antes de chegar ao descanso. Reaccionou Logroño facendo un parcial de 0-3 que deixaba tocada á escuadra pontevedresa cos seus continuos contragolpes ( min. 28, 9-12). Puido reducir distancias o equipo branco sobre a bucina, pero Rangel non quixo perder o seu 100% de efectividade nos lanzamentos de sete metros e fixo das súas para deixar a Anxo Iglesias co mel nos beizos (10-13).
Nin con superioridade numérica puideron os pupilos de Jabato atravesar a muralla do Logroño, que pisaba o acelerador para facerse cunha valiosa vantaxe nada máis comezar o segundo acto (10-15). Axustou a defensa o Cisne e, cambiando por quinta vez ao seu lanzador desde os sete metros, meteuse de cheo no partido. Mateo Arias, por partida dobre, comprimiu o resultado en 13-15 cando se chegaba ao minuto 7.
Ata aí chegou a esperanza do equipo pontevedrés, que se atopou cunha laxa demasiado grande que obrigaba a Jabato a pedir tempo morto e reordenar aos seus. Non deu coa tecla o técnico local, senón que a intensidade do Cisne seguiu apagándose a medida que pasaban os minutos (min. 20, 17-27).
Co partido xa perdido, o equipo branco baixou os brazos e Jabato repartiu minutos entre os seus xogadores coa vista posta no derbi do mércores ante o Cangas no Pavillón Municipal. Finalmente, o encontro terminou nun avultado 21-33.
Consulta as estatísticas do Dicsa Modular Cisne-Logroño