O Cisne cambia o CGTD polo Municipal para o seu partido contra o Atlético Valladolid

Pontevedra
22 de outubro 2015

O vindeiro domingo será unha xornada moi especial para a familia do Club Cisne Balonmano. Cambiarán por un día o pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) polo Pavillón Municipal. Pero fano por unha boa causa: a presentación oficial dos equipos que integran o club na tempada 2015-2016

Partido entre Cisne e Alarcos Ciudad Real no CGTD
Partido entre Cisne e Alarcos Ciudad Real no CGTD / Diego Torrado

O vindeiro domingo será unha xornada moi especial para a familia do Club Cisne Balonmano. Cambiarán por un día o pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) polo Pavillón Municipal. Pero fano por unha boa causa: a presentación oficial dos equipos que integran o club na tempada 2015-2016.

A partir das once da mañá, o Cisne irá presentando á afección aos integrantes da escola de balonmán benjamín e prebenjamín e dos equipos benjamines federados A e B, alevín, División de Honra Infantil, División de Honra Cadete de Segunda División Xuvenil e da División de Honra Prata.

O acto concluirá coas fotos oficiais e os discursos do adestrador do primeiro equipo, Edín Covelo, o seu capitán Toño Lafuente e o presidente do club, Santiago Picallo.

Este evento social terá como guinda o encontro da sétima xornada de División de Honra Prata que enfrontará o equipo pontevedrés co Atlético Valladolid. O partido será tamén no Pavillón Municipal, a partir das doce e media.

Co apoio da afección, o Cisne buscará un triunfo que se antolla complicado xa que os valisoletanos son claros favoritos para o ascenso á liga Asobal.