O Cisne despídese da Copa do Rei en primeira rolda ao perder ante o Nava (25-31)

Pontevedra
29 de setembro 2018

O conxunto pontevedrés fixo o máis difícil ao igualar a falta de 12 minutos un partido que se lle puxo moi complicado, pero non logrou culminar a remontada e cedeu no tramo final ante un Nava máis consistente

Partido da Copa do Rei entre o Club Cisne Balonmán e o BM Nava no CGTD
Partido da Copa do Rei entre o Club Cisne Balonmán e o BM Nava no CGTD / Diego Torrado

A Copa do Rei pasou de longo esta tempada para o Club Cisne Balonmán, que este sábado despediuse do torneo do K.O. en primeira rolda, a que enfronta a equipos da División de Honra Prata, tras perder ante o BM Nava (25-31) nun encontro disputado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

O certo é que os de Jabato tiveron as súas opcións, pero foron sempre a remolque no marcador e terminaron sucumbindo ante un Nava máis sólido.

Só no 2-1 asinado por Pablo Gayoso o Cisne dominou o marcador, xa que o cadro visitante tomou pronto a iniciativa nunha primeira metade na que con todo non conseguiu despegarse, sempre con 1 ou 2 goles de diferenza, Así se chegou con 12-14 ao descanso e todo por decidir.

Unha mala saída no segundo tempo puido custar o partido aos pontevedreses, que viron como o seu rival agora si se despegaba grazas a un parcial de 2-7 (16-21). Jabato víase obrigado a parar o partido e tentar axustar ao equipo nun tempo morto, e o que empezaba a parecer complicado sucedeu.

Tras o parón Gayoso reduciu distancias e despois unha dobre exclusión permitiu ao Cisne volver ao choque grazas aos goles de José Leiras, Guilherme e Álex Chan (20-21). Os locais chegaron a empatar o duelo (22-22) a falta de 12 minutos, pero ata aí chegaron as súas forzas.

Sen lograr culminar a remontada o Nava recobrou impulso e cun parcial de 0-3 volveu poñer terra polo medio para controlar esta vez si o tempo e terminar gañando por 25 goles a 31.

Consulta na web da RFEBM a acta do Club Cisne Balonmán-BM Nava.