O Cisne imponse ao Cangas (32-29) no XXII Memorial Manuel Luaces

Pontevedra
02 de xaneiro 2016

Como de costume foi unha festa para o club pontevedrés que nesta ocasión tivo como rival ao BM Cangas, ao que derrotou por un apertado 32-29 na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun partido entretido pero sen demasiada tensión, como correspondía ao evento, ante unha bancada que presentaba un excelente aspecto de público

Partido do Memorial Manuel Luaces entre Cisne e Cangas no CGTD
Partido do Memorial Manuel Luaces entre Cisne e Cangas no CGTD / Mónica Patxot

Fieis á cita anual, o Club Cisne aproveitou as datas do Nadal e o parón no competición ligueira para celebrar o Memorial Manuel Luaces, en homenaxe a unha lenda do club branco, que chega xa a súa vixésimo segunda edición.

Como de costume foi unha festa para o club pontevedrés que nesta ocasión tivo como rival ao BM Cangas, ao que derrotou por un apertado 32-29 na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun partido entretido pero sen demasiada tensión, como correspondía ao evento, ante unha bancada que presentaba un excelente aspecto de público.

Ambos os equipos acusaron as numerosas ausencias nas súas filas. Se nos locais non estaban homes importantes como Pablo Galán, Bruno Montesinos ou Pablo Vidal, os do Morrazo presentaron en realidade ao seu equipo filial, o Luceros, reforzado con só cinco xogadores do equipo de Liga Asobal. Mesmo se fixo notar a ausencia do seu técnico, o pontevedrés Pillo, ausente por compromisos persoais que lle impediron acudir á cita.

Pouca intensidade defensiva e bastantes erros nas accións de ataque, foron a tónica dominante dun partido que os visitantes controlaron durante súa tres cuartas partes, pero sempre con curtas vantaxes que nunca superaron os tres goles.

Ao descanso o Cangas mandaba por un mínimo 14-15, vantaxe que manterían ata mediado o segundo tempo, momento no que o Cisne logrou dar a volta ao resultado, especialmente grazas ao acerto no lanzamento de Carlos Pombo.

A partir de aí, aínda que con dificultades, os de Edín Covelo fóronse por diante logrando unha máxima renda de catro goles que lles serviu para anotarse unha xusta vitoria por 32-29.

Antes do partido central do Memorial, os equipos das categorías benjamín, alevín e infantil do Cisne disputaron varios partidos de exhibición, completando como cada ano por estas datas unha bonita xornada de balonmán.

O Cisne volve á competición ligueira, tras o parón do Nadal o vindeiro sábado, ás 19:30 horas viaxando ata terras catalás para visitar a complicada pista do BM La Roca, un dos rivais directos na loita pola permanencia.