O Cisne non poderá contar coa súa nova fichaxe, Oleksander Nekrushet, ata a segunda volta

Pontevedra
01 de decembro 2020

O primeira liña procedente do Huesca non poderá xogar este mércores contra o Nava nin en ningún outro encontro da primeira volta por ter participado en partidos co seu anterior equipo. No Cisne son optimistas e confían en que a súa achega, así como o regreso de Carró, poidan permitir ao equipo abandonar os postos de descenso

Presentación de Oleksander Nekrushet co Cisne
Presentación de Oleksander Nekrushet co Cisne / Mónica Patxot

O substituto de David Chapela nas filas do Cisne, Oleksandr Nekrushet, xa traballa ás ordes do seu novo adestrador, Jabato. Con todo, o xogador de orixe lusa con raíces ucraínas cedido polo Huesca, non poderá debutar coa camiseta branca ata o inicio da segunda volta, no mes de febreiro, por disputar xa algúns minutos en luga co club propietario dos seus dereitos. 

"O equipo fíxome unha recepcion moi boa e estou moi contento. Espero axudar moito, pero só poderei facelo na segunda volta. Aínda que así terei máis tempo para ambientarme co resto de compañeiros e esperemos que na segunda volta poida axudar para manter a división", declarou o novo xogador antes de iniciar o seu primeiro adestramento co equipo.

A pesar da mala marcha do equipo, Nekrushet é optimista sobre as opcións de permanencia do Cisne. "Hai moitas posibilidades, é un equipo novo, podemos gañar partidos e manternos por encima da liña vermella", dixo. 

O presidente do conxunto branco, Santi Picallo, explicou que "a baixa de Chapela obrigábanos a facer un movemento e co refacho de lesións a competición facíasenos moi costa arriba, con 8 partidos en 23 días e catro desprazamentos consecutivos", resalta o dirixente que consideraba "imprescindible a chegada dun xogador máis na primeira liña" porque "non chegabamos ao nivel para competir na liga".

Sen o poderoso xogador luso entre os convocados, o Cisne mídese este mércores, a partir das 20 horas, no Municipal a un rival directo nas aspiracións pola permanencia. O Nava chega a Pontevedra inmerso nunha serie de catro derrotas consecutivas no décimo quinto posto e só un punto por encima do cadro pontevedrés.