O Cisne pecha a fichaxe de Iván Calvo e prepara unha xornada de captación para a súa base

Pontevedra
13 de xuño 2019

O club pontevedrés confirmou a chegada da primeira liña Iván Calvo, procedente do Lavadores e especialista en labores defensivos. É a segunda incorporación para o seu novo proxecto deportivo

Partido entre o Cisne e o Zamora no CGTD de Pontevedra. Diego Torrado

O Club Cisne Balonmán confirmou á que é a súa segunda fichaxe para a tempada 2019/2020, na que volverá a militar na segunda categoría do balonmán nacional.

Trátase de Iván Calvo, especialista defensivo que chega ao club procedente do Lavadores vigués, con quen xogou esta campaña a fase de ascenso á División de Honra Prata.

Calvo, primeira liña de 21 anos de idade, segue así os pasos de David Chapela e únese aos renovados Javi Vázquez, Daniel Ramos, Pablo Gayoso, Álex Chan e Alejandro Conde nun proxecto que empeza a tomar forma.

"Estou moi contento de que un club como o Cisne confíe en min. Decanteime por este proxecto deportivo porque crin que era a mellor opción", recoñeceu o xogador.

XORNADA DE CAPTACIÓN PARA A BASE

Paralelamente á actividade do primeiro equipo, o Cisne prepara estes días unha xornada de captación para os conxunto da base.

Terá lugar o vindeiro sábado 22 de xuño no pavillón Multiusos da Xunqueira, ás 10:00 horas para nenos de 6 a 9 anos e ás 11:30 horas para nenos de 9 a 13 anos.