O Cisne pon data aos seus tres partidos aprazados e prepárase para un calendario terrorífico

Pontevedra
08 de marzo 2021

Para recuperar as datas aprazadas polo gromo de covid no equipo, o Cisne deberá afrontar un calendario terrorífico, con ata 9 partidos en só un mes. O derbi pontevedrés fronte ao Cangas, fixado para o día 31 de marzo

Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes Mónica Patxot

O Disca Modular Cisne vai ter que afrontar un calendario esgotador durante o próximo mes de competición para recuperar as tres xornadas perdidas polo último gromo de covid declarado no equipo.

A liga volverá á acción o vindeiro mércores 17 de marzo cun partido para o Cisne na casa fronte ao Anaitasuna. A partir de aí e en só un mes os pontevedreses deberán xogar ata nove partidos oficiais, todo un maratón.

Seguirán o 20 de marzo visitando o Huesca antes de entrar en escena os duelos aprazados.

O primeiro deles será o do Granollers, no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, o mércores 24 de marzo, e dous días o 26 despois será o Logroño o que se desprace ata a cidade de Lérez.

Precisamente o feito de non coincidir os aprazados con longas viaxes dará un pequeno respiro aos de Jabato, que sen unha semana de descanso afrontarán o mércores 31 de marzo, tamén no Municipal, o derbi pontevedrés fronte ao Cangas suspendido no seu día.

Xa en abril o Cisne xogará a domicilio ante o Nava o 3 de abril, visitará o Ademár de León no terceiro partido aprazado o 7 de abril e terminará o seu particular Everest contra o Guadalaja na casa o día 10 e contra o Barcelona a domicilio o día 17 de abril.

MEMORIAL LUACES

Para chegar no mellor estado de forma posible a todos eses compromisos, o Dicsa Modular afrontará un segundo partido amigable, de novo ante o Novás como o completado o pasado venres no Rosal.

Nesta ocasión o escenario será o Municipal de Pontevedra co XXVII Memorial Manuel Luaces, aprazado no mes de xaneiro e que se disputará o vindeiro xoves 11 de marzo ás 20.00 horas.