O Cisne retoma o voo á conta do Ciudad Real (27-22)

Pontevedra
17 de febreiro 2024

O conxunto branco, que non comezou o duelo da mellor maneira, púxose as pilas no segundo tempo e, apoiado nunha firme defensa liderada por Iván Calvo e un muro en portería con Roney Franzini logrou deixar atrás as pantasmas para retomar o voo  

Partido de liga entre Cisne e Ciudad Real no Municipal
Partido de liga entre Cisne e Ciudad Real no Municipal

O Club Cisne Balonmano conseguiu este sábado romper co refacho de derrotas que viña arrastrando despois de asinar un gran partido ante o Caserío Ciudad Real.

O conxunto branco, que non comezou o duelo da mellor maneira, púxose as pilas no segundo tempo e, apoiado nunha firme defensa liderada por Iván Calvo e un muro en portería con Roney Franzini logrou deixar atrás as pantasmas para retomar o voo.

Tivo problemas o Cisne para meterse no encontro, castigado cun primeiro parcial de 0-2 que pronto igualaron Furtado e Bruno Váquez.

Con todo, o cadro pontevedrés era incapaz de tomar a dianteira no marcador. De feito é que o Ciudad Real pisou as acelerador grazas ao acerto de Palacios e Campanario e foi superado o minuto 20 cando Jabato decidiu deter o crono (6-10).

A charla do técnico fixo o efecto desexado. Calvo regresou á cancha, Campanario foi excluído e o Cisne deu un paso adiante á hora de fortalecer a súa defensa para converterse nun muro impenetrable para o cadro visitante.

Os brancos crecéronse e o Ciudad Real entrou o seu peor dinámica encaixando un 6-1 que permitía ao equipo pontevedrés voltear o resultado (12-11), pero Campanario atopou portería e devolveu a igualdade coa que o partido se foi ao descanso (12-12).

Ao regreso dos vestiarios o Caserío colleu de novo a vantaxe (12-14). Foi un visto e non visto. Franzini entoouse baixo paus e o seu equipo recuperou as boas sensacións do final do primeiro tempo para atopar portería con maior facilidade e coller a vantaxe máis ampla ata o momento (20-16).

Detivo o tempo o técnico visitante coa intención de reverter a situación, pero o Cisne, lonxe de correr ás toas e perder balóns como ocorrera noutros encontros, mantivo a intensidade defensiva e xogou con cabeza para seguir penetrando a portería rival e poñer o 23-18 a falta de 10 minutos para a conclusión.

Gastou o seu último tempo morto Santi Urdiales e o seu equipo saíu reforzado da charla para cortar a hemorraxia e reducir a diferenza en tres tantos, pero as intervencións dun soberbio Franzini en portería impedíronlle pelexar por unha posible remontada e o Cisne sentenciou en 27-22.

Consulta as estatísticas nesta ligazón