O Cisne segue dando pasos no seu novo proxecto coa renovación de Pablo Gayoso e Álex Chan

Pontevedra
07 de xuño 2019

O club pontevedrés segue dando pasos na planificación deportiva da próxima tempada, na que volverá competir na División de Honra Prata

Álex Chan no partido do Cisne ante o Villa de Aranda (Arquivo)
Álex Chan no partido do Cisne ante o Villa de Aranda (Arquivo) / Diego Torrado

A planificación deportiva do Club Cisne Balonmán para a próxima tempada, na que volverá competir na División de Honra Prata, colle velocidade de cruceiro.

Tras a confirmación da continuidade de Jabato no banco e a fichaxe de David Chapela, chegou a renovación de Alejandro Conde que agora ten continuación.

Un dos xogadores da casa, Álex Chan, seguirá polo menos un ano máis defendendo a camiseta do primeiro equipo. O central, a pesar dos seus 26 anos, é un dos veteranos do equipo, como demostra que a próxima será a súa undécima tempada no club.

"Debemos darlle continuidade a este proxecto e seguir apostando pola nosa filosofía", sinalou o xogador en declaracións recollidas polo propio Cisne.

Ademais, Jabato seguirá tendo ás súas ordes a Pablo Gayoso. O lateral esquerdo vigués cumprirá así o seu cuarto ano na entidade, á que chegou no seu momento procedente do Academia Octavio.

Nos próximos días espérase que a entidade presidida por Santiago Picallo siga avanzando no obxectivo marcado de lograr a continuidade de gran parte do plantel.