O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá un dos tres sectores da fase de ascenso de Primeiro Nacional.
O Club Cisne Balonmán xogará pois en busca dun histórico ascenso á División de Honra Prata coa vantaxe de facelo na casa, despois de que a Federación Española de Balonmán confirmase este luns as sedes e composición dos tres grupos.
Na cidade de Lérez, ademais do Cisne, pelexarán polo salto de categoría o BM Carabanchel (campión do Grupo B), PAN Moguer (segundo do Grupo F) e o Elda (segundo do Grupo E).
Trátase dun grupo "que no está mal" segundo Santi Picallo, presidente do club pontevedrés, toda vez que como campión só podía emparellarse con outro primeiro e "nos hemos librado de los catalanes y los vascos", sinala o dirixente.
Con todo Picallo valora ao Carabanchel, no que xoga o ex-cineísta Pablo Galiano, como "un equipo muy joven que está trabajando muy bien" e ao PAN Moguer como "un segundo clasificado muy duro", polo que augura unha disputada competición.
O Cisne partirá coa ilusión de realizar un bo papel ante os seus, e xa pensa en facilitar a asistencia ao Municipal dos seus seguidores nunha fase de ascenso que se xogará entre os días 15 e 17 de maio co sistema de liguiña, na que ascenderá o primeiro clasificado de cada grupo.
En canto aos outros dous sectores, un deles disputarase no Rosal co Atlético Novás como anfitrión ante Eibar e Granollers, mentres o Grupo III con sede en Ciudad Real enfrontará a Alarcos, Elche e Santa Martín-Adrianec.