Primeira derrota dos xuvenís do Dicsa Modular Cisne na liguiña da fase final do campionato de España. Os brancos plantaron cara a un dos favoritos para facerse co título, o Granollers, pero unha mala primeira parte condenou aos de Víctor Castro a ir a remolque todo o partido.
Apertaron no segundo tempo, pero a reacción non foi suficiente para obrar a remontada. Esta tarde, a partir das 18 horas, os pontevedreses xóganse o pase a semifinais contra o Cajasur, que polo momento conta os seus dous partidos por derrota.
Tentárono os de Castro por todos os medios. Sobre todo da man de Carlos Álvarez, que volveu ser o mellor dos pontevedreses ao anotar outra vez once tantos.
Fóronse os pontevedreses cunha desvantaxe de novo goles ao descanso e, tras a continuación, foron incapaces de voltear o marcador. O Granollers soubo administrar a súa renda sen pasar grandes apuros e só nos últimos minutos os brancos maquillaron o resultado para acabar co definitivo 36-30 no marcador que deixa ao Cisne asentado na segunda posición do grupo.
Para manter o posto deben gañar esta tarde de venres a Cajasur. Aínda que se non o conseguen, as opcións de pasar a semifinais dependerán da diferenza de goles entre pontevedreses, Cajasur e Eldense, sempre que os anfitrións non derroten ao Granollers.